Unha maneira diferente de facer o Camiño
Son moitos os camiños e maneiras para peregrinar a Santiago, pero poucos son tan emocionantes como o que transcorre por mar e entra na ría de Muros Noia, a última das Rías Baixas.
Presentámosche unha maneira diferente de facer o Camiño de Santiago. A que durante séculos foi a principal, utilizada por peregrinos do norte de Europa e os países mediterráneos: navegando.
Propoñémosche ademais facelo a través dunha ría e uns portos con longa tradición xacobea e o que, no seu momento foi o principal porto de Compostela, o “Portus Apostoli”. Noia.
Son moitos os camiños e maneiras de peregrinar a Santiago, pero poucos son tan emocionantes como o que transcorre por mar e penétrase na ría de Muros Noia, a última das Rías Baixas, rememorando a travesía que seguiron miles de peregrinos desde os tempos da Segunda Cruzada. Tes ganas de realizar este camiño marítimo en grupo a bordo dun veleiro? Será unha experiencia inesquecible! Esta travesía está amparada pola oficina do peregrino e basta con completar 90 millas náuticas en veleiro, selar a credencial do peregrino nos portos que marque o roteiro e realizar a pé polo menos os últimos 12 quilómetros desde a localidade de Bertamiráns ata chegar a Santiago de Compostela.
Nesta páxina ofrecémosche distintas maneiras para realizar a peregrinación marítima a Compostela facendo o mínimo de millas náuticas necesarias para obter a Compostela
A Compostela
A Compostela é o principal diploma de recoñecemento da condición de peregrino que outorga a igrexa a quen realiza o camiño de Santiago cumprindo unha serie de condicións mínimas. Para as peregrinacións marítimas son catro:
- Realizar a navegación a vela, emulando as peregrinacións marítimas históricas.
- Facelo seguindo algún dos itinerarios históricos recoñecidos pola Igrexa. O Camiño da ría de Muros Noia foi recoñecido pola igrexa en decembro de 2020.
- Percorrer un mínimo de 90 millas náuticas. A proposta do Camiño Marítimo da ría de Muros Noia comeza en portos da ría de Vigo para garantir o cumprimento do percorrido mínimo esixido para que a navegación sexa considerada unha peregrinación.
- Realizar os últimos quilómetros da entrada a Santiago a pé. En todos os casos propoñémosche facer os últimos 12 Quilómetros desde Bertamiráns ata Santiago.
Para acreditar estes requisitos o peregrino fai a súa viaxe coa credencial do peregrino, un pasaporte no que rexistra como mínimo dúas veces ao día (inicio e final de xornada) o seu paso polas diferentes localidades do Camiño. Para acreditar o paso por unha localidade é válido o selo de calquera establecemento, institución ou igrexa do itinerario.














